Please ensure Javascript is enabled for purposes of website accessibility Xornadas Cinematográficas FICBUEU
FESTIVAL INTERNACIONAL DE CINEMA DE BUEU

Xornadas Cinematográficas FICBUEU

II Xornadas Cinematográficas: cotiandade e estética do cine sensible

– 9 de setembro de 2023 –

CLASE MAXISTRAL: O COTIÁN, ENTORNO E ARTIFICIO CON NIEVES FEBRER

Nieves Febrer é investigadora, profesora e fotógrafa musical. Doutora en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Valladolid, publicou en 2008 como resultado da súa tese o libro Entorno e Artificio. Imaxes do cotián, en que aborda a representación da cotiandade na arte contemporánea das últimas décadas. Na súa presenza nas xornadas cinematográficas Febrer centrouse no concepto do cotián e a súa construción visual a partir de obras de diversos artistas e cineastas.

CONVERSA: A ESTÉTICA DO CINE SENSIBLE, O REALISMO E A COTIANDADE NO CINE. ANDREA MORÁN E DANIELA URZOLA

Encontro no que estas dúas profesionais abordaron a cotiandade no cinema a través da obra de distintas autoras e autores. Seleccionando creadoras e creadores referentes no cine sensible, explorarán como se manifestan estes temas e aspectos nas súas obras audiovisuais. 

MESA REDONDA EN LIÑA: A OBRA DE YASUJIRO OZU

Tres profesionais analizan a obra de Yasujiro Ozu como referente do cinema sensible e cotián. Neste encontro contamos con Santos Díaz como moderador e coa intervención da arquitecta Marta Peris, autora da tese La casa japonesa a través del cine de Yasujiro Ozu,  o catedrático Antonio Santos, especialista en cine xaponés e asiático e autor da tese Elogio del silencio: Yasujiro Ozu en los tiempos de estruendo (1903-1963)  e o profesor Jordi Puigdomènech, investigador e autor de obras como Yasujiro Ozu, el tiempo y la nada, entre outras.

ENCONTRO: 20.000 ESPECIES DE ABEJAS

Encontro con Izaskun Urkijo, encargada da estética do filme 20.000 especies de abejas dende a disciplina de dirección de arte. A profesional falou sobre o seu papel como directora de arte desta obra en que o descubrimento da identidade de Cocó mestúrase co entorno rural vasco, centrándose na creación e planificación estética do filme.

Izaskun Urkijo, graduada en Arquitectura e diplomada en Urbanismo, é a directora de arte de 20.000 especies de abejas. Entre a súa filmografía, destaca o seu traballo nesta disciplina nas longametraxes Ane e Errementari, así como das curtas El carné e Mother.

PROXECCIÓN: 20.000 ESPECIES DE ABEJAS

Para completar o encontro con Izaskun Urkijo o FICBUEU proxectou o filme 20.000 especies de abejas. A primeira longametraxe de Estibaliz Urresola Solaguren preséntanos a Cocó, de oito anos, que non se recoñece na mirada dos demais e busca a súa propia identidade, a súa nai Ane, en crise profesional e sentimental, a súa avoa Lita e a súa tía Lourdes, criadora de abellas. A través desta familia, Urresola narra un verán en que Ane regresa cos seus fillos á casa materna, onde as relacións entre as mulleres de distintas xeracións mestúranse co ambiente do rural vasco.

O filme obtivo a Biznaga de Oro no Festival de Cine de Málaga e estivo nominada a varios galardóns no Festival de Berlín, sendo premiada co Oso de Prata á mellor interpretación protagónica para Sofía Otero.

Xornadas FICBUEU festival de cine


I Xornadas Cinematográficas: esculpindo o tempo

– 24 de setembro de 2022 –

A creación e a transformación do tempo, a súa representación e como este se reflicte nas películas é un dos elementos intrínsecos da linguaxe cinematográfica, sendo parte esencial da sensibilidade artística das autoras e autores. A análise do tratamento do tempo é complexa, xa que son numerosos os elementos que entran en xogo na elaboración do ritmo dun filme, tanto dentro do plano como na totalidade da obra. Para isto, durante a xornada contamos con diferentes perfís, dende cineastas ata ensaístas, abordando o estudo dende distintas perspectivas e atendo a diferentes partes do proceso de creación:

Clase maxistral: Andréi Tarkovski con José Manuel Mouriño

José Manuel Mouriño é investigador, ensaísta e cineasta. Doutor en Belas Artes pola UVigo, é representante e coordinador na Península Ibérica e Hispanoamérica do Instituto Internacional Andréi Tarkovski. En 2015 publicou Escritos de juventud de Andréi Tarkovski e máis recentemente Andréi Tarkovski y El Espejo. Estudio de un sueño.

Conversa: o tempo e o cinema. Andrea Morán e Daniela Urzola

Encontro no que estas dúas profesionais da crítica cinematográfica achegaronse á obra de diferentes cineastas cunha especial sensibilidade no tratamento do tempo no cinema. 

Andrea Morán é programadora de Filmadrid e parte do consello de redacción de Caimán, Cuadernos de Cine. Dirixiu as curtametraxes Espina. Historia de un regalo fallido, Norah e Yo siempre puedo dormir pero hoy no puedo. 

Daniela Urzola é crítica de cine. Graduada en Dereito pola Universidade de Cartagena (Colombia) e en Historia do Arte pola Universidade dos Andes. En 2020 cursa o Máster de Crítica Cinematográfica da ECAM. Actualmente colabora en  Caimán Cuadernos de Cine e é membro do Consello de Redacción da Revista Mutacións.

Mesa redonda en liña: o ritmo e as realidades temporais que posibilita a montaxe

Profesionais da montaxe compartiron experiencias en torno ao seu labor, co foco posto nas particularidades do deseño temporal na narrativa cinematográfica. Neste encontro contamos con Diana Ramahí como moderadora e coas montadoras e cineastas: Carolina Astudillo, Ana Pfaff e Diana Toucedo.

Encontro con Oliver Laxe e Ángel Suanzes

Ángel Suanzes conduciu esta conversa co cineasta galego Oliver Laxe. Nesta repasamos a súa filmografía centrándonos no tratamento temporal da súa obra. Oliver Laxe fai historia en 2019 ao converterse, canda Víctor Erice, no primeiro cineasta español seleccionado en Cannes coas súas tres primeiras obras, e no único en ser premiado en todas as súas participacións. O seu último filme, O que arde, ten participado nos principais festivais da tempada, como San Sebastián, Toronto, Tokio, Londres, Melbourne, Mar del Plata ou Nova York, gañando numerosos premios.

Proxección Zerkalo de Andréi Tarkovski

Pechamos a primeira edición das xornadas cinematográficas coa proxección do filme Zerkalo (1975), unha das obras máis representativas do cineasta ruso. Tarkovski é o autor coa visión teórica máis definida do fenómeno do tempo como medio de expresión emocional. O seu ensaio Esculpir en el tiempo inspira o nome da edición 2022 das xornadas. 

Zerkalo non é só unha obra magna do cinema, senón que que constitúe o legado autobiográfico feito arte dun dos cineastas más influíntes da historia. Un filme que é unha mirada ao interior dos resortes emocionais e das lembrazas -fieis ou traizoeiras- que definen ao home tras o artista.

Xornadas FICBUEU festival de cine

O teu carriño 0
Non hai produtos na cesta!
Continuar comprando
0
Skip to content